Friday 17 de May de 2024

O Concello abre o prazo de presentación para o concurso fotográfico “Calendario Municipal 2022”


O Concello da Coruña abrirá mañá, 5 de outubro, o prazo de presentación de propostas para participar no concurso fotográfico ‘Calendario Municipal 2022’, que servirá para seleccionar as 12 fotografías actuais que forman parte do almanaque que o ente municipal edita cada ano –que se completa con 12 imaxes antigas– e, en caso de decidilo así o xurado, elixir tamén a foto da primeira páxina do mesmo. Nesta edición, a temática das fotografías versará sobre o patrimonio cultural, histórico, natural e paisaxístico do municipio. Terase en conta a representatividade do patrimonio cultural da fotografía, a calidade técnica e a orixinalidade da imaxe.

As persoas que queiran participar poderán facelo até o 5 de novembro cun máximo de tres fotografías horizontais e en cor, cuxo formato será un arquivo dixital en formato JPG cun mínimo de 3 megapíxeles e sen levar ningunha marca identificativa da súa autoría. Os traballos deberanse enviar ao enderezo electrónico concursofotografico@coruna.es, como arquivo inserido -no caso de que o envío teña máis dunha fotografía, deberá ser un arquivo Zip- ou pola plataforma We Transfer, e indicando no asunto do correo a lenda ‘Concurso calendario municipal 2022’. As bases completas do certame están dispoñibles na páxina principal da web municipal, http://www.coruna.gal.

As persoas gañadoras desta edición recibirán como premio un libro de fotografía e un ano de acceso gratuíto aos museos municipais da Coruña para dúas persoas, ademais de dez copias do almanaque, no que aparecerán publicadas as fotografías gañadoras coa sinatura dos autores e das autoras.